EMPRESARIOS DE GALICIA

MELITÓN D. DOMÍNGUEZ LEAL 1843-1916

AS ORIXES DUNHA GRAN LIÑAXE PESQUEIRA: DE MELITÓN DOMÍNGUEZ AOS IRMÁNS FONTÁN DOMÍNGUEZ

Jesús Giráldez Rivero Profesor titular da Universidade de Santiago. Campus de Lugo

Retrato de D. Melitón Diego Domínguez Leal (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

Na liñaxe fundada por D. Melitón Domínguez Leal resúmese e reflíctese boa parte da historia da pesca galega e española desde finais do século XIX.1 Os seus membros non só participaron nos procesos técnicos e económicos que conformaron o desenvolvemento da actividade, en máis dunha ocasión como pioneiros, senón que tamén foron destacados protagonistas en diversas organizacións de armadores que trazaron as liñas estratéxicas por onde tería que transitar o sector. Neste sentido, preséntase como unha sucesión de empresas familiares con claros trazos dos emprendedores schumpeterianos. Ao longo de máis dun século sucedéronse as conxunturas favorábeis e adversas, unhas ramas abandonaron a actividade pesqueira e outros apelidos incorporáronse, pero, en conxunto, presentan unha continuidade familiar con clara vocación de permanencia a longo prazo no sector. A nosa historia comeza o xoves 28 de xuño de 1917. O verán daba os seus primeiros pasos. Os xornais informaban de que o ministro e deputado D. Ángel Urzáiz chegara ás súas posesións de Nigrán, onde pasaría

1 Debo agradecer aquí a amabilidade coa que me atenderon os irmáns Fontán Domínguez, especialmente Rosa, Jacobo e Roberto, así como a de Jaime Domínguez Blein. Este último puxo á miña disposición non só o arquivo documental e gráfico da empresa senón tamén o seu valioso tempo nunhas magníficas tardes de primavera.

Empresarios de Galicia

a tempada; anunciaban alugamentos de casas para os interesados en tomar baños de mar en Baiona e facían público o programa que habería nas grandes festas de Bouzas, a mediados do próximo xullo. A guerra continuaba en Europa, a Compañía de Tranvías de Vigo poñía á venda mil obrigas ao 6 por 100 anual e comunicábase que o Senado de Portugal aprobara unha lei na que se lles prohibía aos barcos estranxeiros pescar dentro das súas augas. Ese día, Salustiano Fernández Peón, perito agrícola de Sabarís que tamén exercía de notario, acudía ao veciño porto de Panxón para proceder á partición efectiva dos bens de D. Melitón Diego

164

Vapores da empresa atracados no Guadalquivir fronte á ponte de Triana (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

Melitón D. Domínguez Leal

165

Domínguez Leal, falecido en Cádiz o 28 de maio de 1916. Xunto ás imprescindíbeis testemuñas, estaban presentes a súa viúva, Felicidad Macaya Castro (1844-1925), os seus fillos, Esmeraldo, Elvira, Manuel e Raimundo, e o consello de familia que representaba o seu neto, aínda menor de idade, Melitón Lorenzo Domínguez, herdeiro da súa defunta filla María. Á parte dos bens móbeis, diversas cantidades en metálico e numerosas leiras rústicas, o testador legaba unha propiedade na praia de Panxón composta por unha casa nova, fábrica de salgadura, almacén de raba, tenda con despacho, así como unha pequena fábrica de fariñas e outra de serrar madeiras, movidas por un motor de gas pobre. Ademais, deixaba seis vapores de recente construción, cun total de 300 toneladas de rexistro e máis de duascentas mil pesetas de valor, unha participación dunha cuarta parte noutros dous, un taller mecánico e outro de fabricación de redes. Sen dúbida, outros armadores dispoñían nese momento dunha frota máis ampla e estruturas de negocios máis complexas, pero foron moi poucos os chamados a brillar con máis forza no sector pesqueiro nos anos seguintes. Melitón D. Domínguez Leal nacera en 1843 na parroquia de San Xoán de Panxón e moi probabelmente se iniciara en cuestións pesqueiras á calor dos negocios do seu sogro José Macaya Castelló, falecido en 1881 e propietario dunha fábrica de salgadura de sardiña nesta localidade; de feito, en 1888, el mesmo adquiriu un estabelecemento similar situado na mesma praia. Porén, foi algo máis tarde, ao despuntar as transformacións de base do sector pesqueiro galego, cando deu reiteradas mostras da súa destacada iniciativa empresarial. Así, en 1896, obtivo a concesión dunha das primeiras cetarias de lagosta en Galicia, para aproveitar a forte demada existente en Francia, demanda abastecida por una nutrida frota de barcos-viveiros que, a finais do século XIX, recorrían as costas do Cantábrico e de Galicia comprando o símbolo ineludíbel das máis luxosas mesas. Pouco despois, a comezos do novecentos, cando unha industria conserveira en rápida expansión estimulou a difusión dos cercos de xareta, adquiriu varias traiñeiras, orientouse cara á pesca de sardiña, subsector que a familia non abandonou ata despois da Guerra Civil. Ao mesmo tempo, encarreirou a súa actividade cara á captura de pescada e ollomol co armamento de palangreiros de vapor, unidades altamente rendíbeis, que se estaban xeneralizando ao compás do desenvolvemento dos merca-

Empresarios de Galicia

dos de peixe fresco nas prazas do interior peninsular. Nesta primeira década do século decidiu desprazar os seus barcos a outros portos de Galicia e do Cantábrico, non só na procura de áreas de captura máis produtivas senón tamén para aproveitar as vantaxes de prezos que ofrecían outros mercados. Esta estratexia mostraríase moi atinada, desde 1905, cando a difusión da pesca ao arrastre provocou unha acumulación de caladas nos portos. Tamén nestes anos comezou a delegar no seu primoxénito non só responsabilidades internas no negocio senón tamén públicas, como apoderado da empresa. Así, en 1906, Esmeraldo Domínguez Macaya participou na constitución da Cooperativa de Vapores de Pesca de La Coruña, entidade que agrupaba a destacados armadores de bous ou parellas con base no porto herculino. Esta sociedade tiña como obxectivo, por un lado, a preparación, transformación e venda dos produtos da pesca e derivados, e, polo outro, o estabelecemento de cantos servizos fosen necesarios para a actividade pesqueira. En definitiva, procuraba asegurar a comercialización do produto, algo de vital importancia nun momento de acusado envilecemento dos prezos do peixe, debido ao aumento da oferta de pescada e ollomol pola xeneralización das artes de arrastre e a contracción do consumo provocada por unha recesión económica que non remataba de remontarse. Esta participación en iniciativas de cuasi-integración vertical para a venda do peixe, desprazamento de bases pesqueiras e busca de novos mercados confirmouna en 1911, ao enviar os seus barcos ao porto de Cádiz. Desde alí, trataba de explotar os nutridos caladoiros norteafricanos para acceder aos mercados andaluces e da meseta sur, mal abastecidos polo escaso desenvolvemento da pesca de arrastre nesta zona e pechados ao peixe do norte por unha complicada comunicación ferroviaria. A estratexia revelouse crucial para unha empresa que desde 1900 mantivera un continuado crecemento; boa mostra disto é que, ata a morte de Melitón D. Domínguez, en 1916, matriculara nada menos ca trece vapores na Comandancia de Mariña de Vigo. Malia que en diversos casos compartiu a propiedade con outros armadores ou con construtores navais, co fin de diminuír as súas necesidades de capital ou asegurarse unha parte deste, na súa maioría foron da súa completa propiedade, autofinanciados co reinvestimento dos beneficios.

166

Melitón D. Domínguez Leal

167

O inicio da Primeira Guerra Mundial provocou grandes trastornos no sector pesqueiro: elevación vertixinosa dos prezos do carbón, dificultades para a importación de maquinaria e un rápido encarecemento de cables, malletas, redes, etc. Ao mesmo tempo, a escaseza de material ferroviario dificultou a exportación de peixe fresco e cambiou de signo o crecemento da frota e a produción. Aínda que as dificultades se sentiron en todo o litoral, o Cantábrico e Galicia foron as rexións máis afectadas. Agora ben, o comportamento dos prezos do peixe durante o conflito bélico tendeu a favorecer o seu consumo fronte a outros alimentos, especialmente desde 1917, cando os problemas que lle afectaban á pesca entraron en vías de solución e un crecente investimento comezou a traducir en termos de frota e produción as favorábeis condicións de mercado. Os beneficios que obtiveron nesta época as casas armadoras foron extraordinarios. Así, cando Esmeraldo Domínguez, en funcións de administrador dos bens e testamenteiro, procedeu á partición do legado paterno puido informar de que os beneficios obtidos no último ano representaban máis da metade do valor dos barcos. A morte de Melitón D. Domínguez Leal non marcou un novo rumbo no negocio senón a consolidación das estratexias anteriores. En 1920 constituíuse a sociedade regular colectiva Vda. e Hijos de Melitón Domínguez Leal; esta disolveuse ao ano seguinte e pasou a figurar como comerciante individual Esmeraldo Domínguez Macaya; no entanto, na práctica, a sociedade seguiu funcionando como tal. De feito, a empresa mantivo o seu carácter familiar; así os tres fillos homes tiñan plenos poderes na súa administración, aínda cando tacitamente se dividiron as áreas de traballo: Manuel quedou a cargo dos negocios en Vigo e en Panxón, mentres que Esmeraldo e Raimundo se desprazaron ao sur, onde terían que situarse os centros fundamentais de actividade. Baseándose nos beneficios obtidos durante os anos bélicos, iniciaron un proceso de acelerada expansión. En 1919 a empresa fixou en Sevilla a principal base dos seus barcos e creou as chamadas Pescaderías Gallegas, unha rede de tendas de venda polo miúdo de peixe fresco e frito, coas que dominaron o mercado da capital andaluza e acadaron o privilexio de ser provedores da Real Casa. Ao mesmo tempo que emprendían este proceso de integración vertical cara adiante, co fin de darlle saída á pesca capturada por unha frota en crecemento, integraron estratexicamente cara atrás

Empresarios de Galicia

servizos básicos para a súa actividade, dada a escasa oferta destes e as claras situacións de monopolio existentes polo débil desenvolvemento da pesca ao arrastre en Andalucía. Así, nos anos seguintes instalaron en Sevilla e en Cádiz cadansúa fábrica de xeo e talleres mecánicos, compraron unha frotiña de sete camións para o transporte do seu peixe e instalaron no Guadalquivir un dique flotante, chamado El Cachorro, destinado á limpeza de cascos e pequenas reparacións dos buques. Aínda que o seu obxectivo inicial fose reducir custos de transacción e produción na súa empresa, o traslado de boa parte da frota do Cantábrico e Galicia cara aos portos andaluces desde 1923, especialmente Cádiz, permitiu que se beneficiasen en réxime de oligopolio do rápido aumento da demanda de inputs e servizos claves. Ademais, tamén adquiriron en Cádiz e en Sevilla diversas propiedades inmóbeis, refuxio seguro de valor. Da importancia acadada por Pescaderías Gallegas son boa mostra os máis de tres millóns de pesetas a que ascendían os seus activos netos en 1927, os cales, de telos en Galicia, situarían esta empresa entre as trinta maiores da rexión. Nestes anos a frota da empresa medrou continuadamente en número e tonelaxe. En 1923 xa se compoñía de 18 vapores con case 1500 toneladas de rexistro bruto; eran os seus buques insignia o Panxón e o Melitón D. Domínguez. Ambos trawlers tipo Castle tiñan casco de aceiro e foran comprados en Inglaterra e Francia; estes foran polas súas dimensións, 324 e 637 toneladas respectivamente, os maiores deste tipo cos que contaría a pesca galega. En 1924 e dando mostras dunha gran capacidade de iniciativa, destinaron o Melitón D. Domínguez á captura de bacallau nos afastados caladoiros de Terranova. Esta pescaría fora abandonada por España había case que dous séculos, pero o bacallau salgado seguía sendo unha especie de gran consumo e a súa importación gravaba como unha lousa a balanza de pagos española. Nun principio, o capitán de pesca e parte da tripulación eran de orixe francesa pero na segunda campaña serían substituídos por mariñeiros galegos, baixo a dirección de Antonio Sobrido, patrón de confianza da casa. A iniciativa complementábase con instalacións en Palmeira para o secado do bacallau, ao aire libre e por procedementos mecánicos, que empregaban arredor dun centenar de mulleres. Aínda que en 1927 as necesidades de liquidez da empresa obrigáronos a abandonar unha pescaría á que non volveron deica 1950, demostraron que a pesca española estaba en condicións de acometer a substitución

168

Melitón D. Domínguez Leal

169

Esmeraldo (esquerda) e Manuel Domínguez Macaya (dereita no porto de Hull en 1922, vendo barcos para a súa compra (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

de importacións. De feito, ese mesmo ano a sociedade vasca PYSBE, enviou o seu primeiro barco á captura de bacallau. A actividade dos irmáns Domínguez Macaya non se restrinxiu aos seus negocios pesqueiros, tamén foron impulsores de diversas asociacións corporativas que dotaron de voz propia a comunidade de armadores, e que a converteron nun verdadeiro grupo de presión. Nesta tarefa Manuel destacou singularmente sobre os outros irmáns. En 1919 participou na fundación do Sindicato de Armadores de Vapores Pesqueros de Galicia, e entrou na directiva da Asociación General de Industrias Pesqueras y Derivadas, da cal foi nomeado presidente en 1927 e, ao ano seguinte, da Federación Española de Armadores de Buques de Pesca, cargos nos que permaneceu ata 1943, cando foi nomeado presidente honorario desta. Tamén nesa época se vinculou ao consello de redacción da revista Industrias Pesqueras e a distintos postos de dirección de diversas entidades de seguros marítimos, actividades que mantivo ata o seu falecemento en 1959. Nos mesmos anos participou na directiva da Cámara de Comercio de Vigo e da Unión de Entidades Viguesas. Precisamente, a decisión desta entidade de publicar un folleto para expoñer «documentada e metodicamente, as razóns que acreditan que sexa Vigo o porto elixido para crear o Gran Porto Pes-

Empresarios de Galicia

170

queiro Nacional», fixo que fose comisionado xunto con Santiago Montenegro e Valentín Paz-Andrade a unha viaxe de estudo a Lorient, froito do cal será o libro Los Puertos Nacionales de Pesca en España, publicado en 1928. De aí que, no multitudinario Congreso Nacional de Pesca, que tivo lugar ese ano en Donostia, presidise a sesión dedicada a tratar os problemas do carbón e os portos pesqueiros. Nas decisivas eleccións de 1931,

e xunto con outros destacados armadores, sería elixido concelleiro polo partido liberal-monárquico. O seu labor á fronte das organizacións de armadores sería recoñecidas polas autoridades no ano 1947, coa concesión da Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco. No que respecta a Esmeraldo, a súa actividade pública levouno a animar a creación do Centro Gallego de Sevilla e a vicepresidencia do club de fútbol Real Betis Balompié. A partir de 1923, participou intensamente na Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Cádiz, da

El Cachorro fondeado no Guadalquivir (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

Melitón D. Domínguez Leal

171

que foi o seu presidente entre 1927 e 1928; cinco anos máis tarde foi nomeado presidente honorario desta asociación. Tamén animou a constitución da Cooperativa Carbonera de Armadores de Buques de Pesca de Cádiz, da que ostentou a presidencia, desde a súa fundación en 1927 ata 1931. O empeño nesta iniciativa non era circunstancial; desde mediados dos anos vinte a redución do prezo do carbón converterase nun auténtico cabalo de batalla para os armadores, ao estar a súa subministración nas mans de distribuidores que impoñían elevadas tarifas. O carbón representaba unha parte esencial dos custos de produción das empresas pesqueiras e nunha das dimensións de Pescaderías Gallegas calquera redución do seu prezo reflectíase apreciabelmente nas contas de resultados; por iso non é estraño que figurase como unha das maiores consumidoras da cooperativa. No entanto, malia os esforzos dos armadores, o prezo do carbón non cesou de aumentar desde 1928, o mesmo có das redes, dos cables, etc., aos que se sumou o dos custos do traballo, tras a chegada do réxime republicano. Nun momento de forte aumento da oferta de peixe, pola conquista dos bancos do Gran Sol, coa conseguinte caída de prezos, estes problemas trasladáronse inmediatamente ás casas armadoras que viron como se reducían os seus beneficios. As primeiras afectadas foron as que tiñan un grao de integración máis elevado, que se liquidaron de forma xeneralizada a finais dos anos vinte. Pescaderías Gallegas, cuxo proceso de integración fixera elevar os seus custos fixos e as súas necesidades de capital, atopouse xa en 1927 con dificultades para abordar os pagamentos a curto prazo polo que tivo que acudir a préstamos hipotecarios con varias entidades bancarias. Mentres tanto, a situación da empresa en Vigo, tampouco era moito mellor. Concentrados os vapores na pesca litoral, tiveran que enfrontarse a mediados dos anos vinte á práctica ausencia de sardiña e, nos anos republicanos, a unhas abundantes costeiras que tiraron os prezos e fixeron inevitábel o endebedamento. Pero esta solución foi só temporal; diversos problemas da empresa e a subida xeneralizada dos custos de produción nos anos trinta acentuaron as complicacións. Debéronse liquidar os negocios de Sevilla e someter a unha profunda renovación a frota, que pasou a concentrarse en Cádiz; algunhas unidades tiveron que venderse, o Melitón D. Domínguez entre elas, e acometer a construción doutras novas, con créditos hipotecarios e préstamos privados. En 1933, procedeuse

Empresarios de Galicia

á venda da fábrica de xeo de Cádiz e do dique flotante, recuperado posteriormente, pero non se evitou o embargo preventivo de varios barcos por falta de pagamento de subministracións de carbón. En vésperas da Guerra Civil a empresa, igual cás doutros armadores, mostraba un forte endebedamento, pero mantiña as propiedades de Panxón, o taller mecánico de Cádiz, algúns inmóbeis en Cádiz e Sevilla, ademais de 18 vapores con case 800 toneladas, que se ben unha parte deles estaban envellecidos e outros embargados preventivamente, aínda continuaban en activo. Desde 1936 a tendencia do ciclo cambiou para as actividades marítimo-pesqueiras galegas. A guerra disparou a demanda de conservas e fixo que os prezos da sardiña se mantivesen elevados malia as súas excelentes costeiras, e tamén a de especies finas, cuxos prezos subiron rapidamente. Nesta favorábel conxuntura, os beneficios dos armadores incrementáronse de forma extraordinaria saneando os balances. A finais do conflito, e a pesar da incautación do seu bou Panxón para finalidades bélicas, a situación da empresa dos irmáns Domínguez Macaya practicamente normalizárase. Precisamente en 1939 procederon á separación da empresa. Aínda que puidesen existir disensións sobre a marcha dos negocios, o certo é que nese momento a situación familiar se volvera máis complexa. O falecemento da nai en 1925 e o da irmá Elvira en 1932; a incorporación nos anos trinta do sobriño Melitón Lorenzo Domínguez aos negocios, así como a presenza dunha nova xeración, formada polos fillos de Manuel e Raimundo, disposta a iniciarse na actividade, foron razóns que decidiron a ruptura. A partir de entón os seus destinos foron dispares. En 1941, constituíuse en Cádiz a sociedade Esmeraldo Domínguez S.L., formada polo propio Esmeraldo e polo seu sobriño, cun capital de 700.000 pesetas, que dous anos máis tarde incrementaron a 3.000.000. A súa frota estaba composta por seis vapores de casco de madeira, dous dos cales os transformarían ao consumo de fuel, que actuaban en Vigo e nos portos andaluces, na explotación dos caladoiros africanos. En 1948, tras o falecemento de Esmeraldo, e afastados os seus fillos dos negocios pesqueiros, Melitón pasou a ocupar a xerencia da empresa ata 1962, ano no que se procedeu á súa disolución, cun activo de case que cinco millóns de pesetas e cun pasivo de dous e medio. Pola súa parte, os irmáns Manuel e Raimundo seguiron colaborando, aínda que legalmente se mantivesen separados ata 1946, cando constituí-

172

O bou Panxón atracado no Guadalquivir (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

Melitón D. Domínguez Leal

173

ron en Madrid a sociedade M y R Domínguez Macaya Sociedad Anónima (MYRDOMA S.A.), cun capital de catro millóns de pesetas. A composición da súa frota reflectía perfectamente o momento de transición tecnolóxica que se estaba a producir na pesca galega, impulsada polos préstamos baratos e a longo prazo do Instituto de Crédito para la Reconstrucción Nacional e polos fortes beneficios obtidos na actividade. Cun total aproxi-

Empresarios de Galicia

mado de 1000 toneladas brutas, dispoñía de catro barcos de aceiro, dous deles de recente construción, e motor de combustión interna, ademais doutros tres de madeira, que montaban máquinas de tripla expansión e consumían carbón. Con base nos portos de Vigo e Donostia, os barcos pescaban nos caladoiros do Gran Sol, excepcionalmente fértiles tras a veda forzosa imposta pola Segunda Guerra Mundial, e, desde Cádiz e Huelva, alternaban coa pesca no banco canario-sahariano, e dedicaban á baka na costa galega os de menores dimensións. A empresa nacía con afán expansivo, avalado pola boa conxuntura do sector. O mesmo ano da súa constitución propúxose renovar a frota: vendéronse as unidades máis antigas, entre elas o vello bou Panxón, e acometeuse a construción dunha nova parella de madeira de vapor e outra de aceiro de motor, ao contar coas favorábeis condicións do crédito naval. Agora ben, desde 1947, a caída dos rendementos nas augas do Gran Sol derrubou os beneficios das empresas pesqueiras e provocou o repregamento dos buques menos eficientes cara ao sempre seguro refuxio de Canarias. Só a partir de 1949, coa reorientación de parte da frota de altura cara á pesca do bacallau en Terranova, comezou a remontarse a crise. Malia que os barcos da sociedade participaron nas dúas primeiras campañas, cando a pescaría do bacallau se abriu á frota parelleira, diversos problemas paralizaron o crecemento da empresa neste momento tan decisivo. Por un lado, constatouse que unha parella de aceiro pouco dimensionada (Macaya M e R) e outra de madeira (Macaya B e C) non eran as unidades máis axeitadas para os novos e afastados caladoiros de Terranova; por outro, a botadura da nova parella de aceiro (Myrdoma A e B), encargada en 1948 a Astilleros del Cadagua, adiouse ata 1953, e só puido finalizarse tras facerse cargo desta por un favor persoal Construcciones S.L.; finalmente, debeuse desistir da construción doutra nova parella de madeira ao cesar o financiamento estatal para este tipo de embarcacións e optouse por transformar ao consumo de fuel os seus dous vapores máis antigos. Non obstante, a entrega dos novos barcos dinamizou a actividade da empresa: reconverteron os barcos parella á modalidade de arrastre lateral ou bou e proseguiron os traballos en Terranova. O bo comportamento da sociedade quedou reflectido nuns crecentes beneficios que avalaron diversos plans de crecemento. Nos anos seguintes, e contando co préstamo oficial, efectuáronse obras de reforma

174

Melitón D. Domínguez Leal

175

nos catro barcos de aceiro; así alargóuselles a eslora para dotalos dunha maior capacidade de bodega e iniciouse a construción doutros dous novos buques. Porén, o falecemento, en 1959, aos setenta e catro anos de idade, privou a Manuel Domínguez Macaya de poder ver realizados estes plans. Foron os seus fillos Rosa, Jacobo e Carlos Domínguez Alonso, os dous últimos incorporados á actividade xa no momento de constitución da empresa e con poderes formais desde había anos, xunto con Raimundo Domínguez Macaya e co seu fillo Melitón Domínguez Fernández, asentados en Donostia, os encargados de levalos a cabo. A comezos dos anos sesenta a empresa perdera o carácter pioneiro que tivera a dos irmáns Domínguez Macaya na década dos vinte, pero aparecía firmemente asentada no sector. De feito, iniciou un ambicioso proceso de expansión ao adquirir a sociedade pasaitarra Pesquera BiyakBat, e participou maioritariamente na creación de Congeladores Unidos S.A., rexistrada en Madrid, e Industrias Marítimas S.A., domiciliada en Xixón. Este conxunto de empresas, que tiñan como núcleo central os socios de Myrdoma S.A., iniciaron un importante desenvolvemento da súa frota co financiamento estatal, e construíron entre 1960 e 1967 unha serie de sete arrastreiros, todos con nomes de pontes: Puente de Vargas, Puente de Treto, Puente de Heras, Puente de Panxón, Puente de la Ramallosa, Puente de Triana e Puente del Carmen; estes dous últimos eran os maiores, ambos con 586 toneladas. Se separadamente o peso de cada unha das sociedades na totalidade do sector non é significativo, considerado conxuntamente o grupo revélase cunhas dimensións nada desprezábeis: 13 barcos e 3192 toneladas de rexistro en 1969 que o sitúan entre as vinte primeiras casas armadoras españolas. Aínda que desde comezos dos anos sesenta o funcionamento da empresa pivotaba sobre unha nova xeración, o vello Raimundo, mantíñase como un elemento fundamental nesta. De feito, en 1966, o Ministerio de Traballo decidiu recoñecer os seus desvelos coa concesión da Medalla al Mérito en el Trabajo, pola súa traxectoria no sector, pola súa consagración á industria pesqueira, e porque, «a pesar de que acadou os oitenta anos de idade, continúa dirixindo os labores diarios de descarga do peixe e toda a marcha do negocio nunha xornada sen taxa de tempo». A finais dos anos sesenta, a empresa integraba pesca de altura e grande altura, compaxinaba a captura de pescada e outras especies finas

Empresarios de Galicia

no Gran Sol e caladoiros españois coa de pescada e cefalópodos no banco canario-sahariano e coa de bacallau no Atlántico Noroeste. Agora ben, malia a ser a maioría dos seus barcos de recente construción, tecnicamente mantíñanse nos patróns tradicionais de arrastre lateral ou en parella, e acudían ao xeo ou ao sal para conservar as súas caladas. Neste sentido, non eran tan modernos coma os que compoñían a frota conxeladora que, desde comezos da década, traballaba en augas do Atlántico Sur (Sudáfrica, Angola, etc.) e que incorporaban rampla a popa para o arrastre, procesado e conxelación das capturas, etc. Precisamente, as perspectivas do peixe conxelado foron decisivas para que, en 1970, os irmáns Jacobo, Carlos e Rosa Domínguez Alonso decidisen participar xunto a Manuel, Cándido e Adela Vieira Pérez, e Manuel,

176

Vista dunha das fábricas de xeo e do taller mecánico propiedade da empresa nos anos vinte (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

Melitón D. Domínguez Leal

177

Antonio e Isabel Otero Rubido, na empresa Marítima del Berbés S.A. Quizais a dificultade para acometer en solitario a aventura do conxelado decidiunos por unha fórmula de cooperación empresarial que lles permitía reducir o capital necesario para o investimento e diminuír os riscos inherentes á adopción da nova tecnoloxía, pero non podemos descartar que simplemente tratasen de aproveitar unha boa oportunidade de negocio. En 1970, botaron o seu primeiro arrastreiro conxelador, o Iria, ao que lle seguiu, en 1976, o Flavia, con 228 e 279 toneladas respectivamente. Agora ben, tras a morte de Raimundo Domínguez Macaya, en 1974, non tardou en producirse a división da sociedade: vendéronse os buques máis antigos e pasaron, dous anos despois, a totalidade das accións a mans dos irmáns Domínguez Alonso. A empresa, que foi dotando progresivamente de sistemas de conxelación os barcos, incluíndo o vetusto Myrdoma B, restrinxiu a súa actividade ao Gran Sol e aos caladoiros de Marrocos, e mantivo beneficios grazas ao tirón experimentado polos prezos do peixe. Porén, nos anos seguintes, diversos problemas que afectaban ao conxunto do sector non deixaron de incidir directamente sobre esta. A partir de 1977, a redefinición dos dereitos de pesca a escala internacional, coa rápida extensión das Zonas Económicas Exclusivas de 200 millas, provocou unha forte inestabilidade a curto prazo e abriu un horizonte de acusada incerteza. Paralelamente, a suba dos prezos da enerxía deu lugar ao encarecemento xeral dos custos de produción que, nun momento de caída dos rendementos pesqueiros, cuestionou a rendibilidade das empresas armadoras. Neste sentido, Myrdoma S.A., cunha frota moi envellecida, non só tivo que enfrontarse á acentuada subida de custos senón tamén a un forte incremento dos gastos de mantemento e reparación dos seus barcos; a empresa comezou a debilitarse polo estreitamento da súa marxe bruta de explotación, e entrou, desde 1982, nunha situación crítica. Os negocios pesqueiros familiares parecían sucumbir baixo a síndrome dos Buddenbrook. A sociedade tiña que enfrontarse a unha renovación do equipo pesqueiro que, aínda sendo moi arriscada polas perspectivas xerais do sector, se presentaba como a única decisión posíbel, solución que se vía alentada, ademais, pola benevolente política crediticia da administración e por unhas esixencias para a modernización e renovación da frota cada vez máis laxas. Por outra banda, unha nova xeración, formada polos fillos de

Empresarios de Galicia

Rosa Domínguez Alonso e José Ramón Fontán González, pugnaba por entrar nos negocios pesqueiros. No entanto, a inminente transición xeracional bloqueouse ata a morte de Carlos Domínguez, en 1986. De feito, un ano antes, os irmáns Fontán Domínguez decidiron asumir independentemente o risco empresarial, ao constituíren Rampesca S.A., dirixida por Jacobo Fontán, que non tardou en botar o seu primeiro barco, un conxelador de 1072 toneladas, denominado Ferralemes. O falecemento de Carlos Domínguez, director-xerente de Myrdoma S.A., abriu o camiño, primeiro, para a construción, en 1986, dun novo arrastreiro conxelador chamado Area Alta, de 265 toneladas, e, despois, para a separación dos irmáns. Deste xeito, Myrdoma S.A. quedou baixo a presidencia de Jacobo Domínguez Alonso, á que, en 1988, se incorporou como apoderado o seu fillo Jaime Domínguez Blein, mentres que Rosa Domínguez Alonso constituía, en 1987, Pescamiñor S.A., que contaba co seu fillo Roberto Fontán como xerente e á que achegou o vello Myrdoma B. Ao mesmo tempo, Marítima del Berbés S.A., sociedade na que seguían participando, tamén comezou a sentir os problemas do caladoiro marroquí: constituíron unha sociedade mixta á que traspasaron os barcos e acabou vendéndoos finalmente en 1986. Isto permitiulles construír dous novos conxeladores, o Janza e o Telleiro, con máis de 1000 toneladas respectivamente. Agora ben, as favorábeis condicións estabelecidas pola administración para a renovación da frota provocaron nos últimos anos oitenta un notábel desenvolvemento da frota conxeladora cun paralelo exceso de capacidade. O aumento da produción e a apertura dos mercados, tras a entrada de España na CEE, xerou unha acusada caída de prezos e provocou a descapitalización do sector. Os efectos desta crise de mercado víronse agravados polas continuas restricións para acceder aos caladoiros tradicionais, que culminaron en 1990 coa expulsión da frota conxeladora de Namibia. Numerosas empresas, atrapadas nunha inercia institucional que animaba a investir en novas e maiores unidades, tiveron que afrontar este conxunto de problemas no peor momento posíbel, cando comezaban a vencer as súas obrigas financeiras. As suspensións de pagos converteríanse a principios dos noventa en algo dramaticamente habitual. Os barcos de Myrdoma S.A., sen licenza para pescaren nos caladoiros tradicionais, víronse obrigados a pagar unhas desorbitadas licenzas de

178

Melitón D. Domínguez Leal

O Myrdoma A sae de ASTANO en 1956 despois de se lle alongar a eslora (Arquivo Jaime Domínguez Blein)

179

pesca en Marrocos e Mauritania e, aínda que trataron de reorientarse cara ao peixe espada en mares libres, non puideron evitar que a empresa entrase nunha situación moi delicada a partir de 1992 polo que tivo que abandonar a actividade. O mesmo sucedeu cos de Marítima del Berbés S.A., que dirixiran o Janza y el Telleiro cara ao caladoiro de Namibia. Pola súa parte, Rampesca S.A., que mantivera uns saneados balances, grazas á orientación do seu barco, primeiro, cara ao caladoiro de Namibia e, despois, cara ao de Malvinas, tamén atravesou a comezos dos anos noventa

Empresarios de Galicia

por unha situación crítica. No entanto, o recurso á hipoteca de diversos bens inmóbeis permitiu capitalizar a empresa, puideron facerlles fronte aos problemas de liquidez e asumiron os créditos contraídos para a construción do Ferralemes. A mediados dos anos noventa, o máis difícil da crise remontárase. Os negocios pesqueiros dos irmáns Fontán Domínguez comezaron a súa expansión. A través dunha estratexia de intensa cooperación empresarial, constitución de sociedades mixtas e diversificación de caladoiros puideron reducir riscos, acceder a uns recursos pesqueiros cada vez máis protexidos e reunir os capitais necesarios para acometer elevados investimentos, tanto na frota coma en plantas de procesado. En definitiva, permitiulles enfrontarse a un novo marco caracterizado pola práctica ausencia de recursos libres e uns mercados progresivamente liberalizados, onde a competencia era cada vez máis intensa. Neste sentido, ao colaboraren en maior ou menor medida con outros armadores, constituirán diversas sociedades para explotaren activos comúns ou acceder a dereitos de pesca. Así, participan en Galfrío S.A., empresa comercializadora que posúe unha planta localizada en Marín, e que se sitúa no posto número once na táboa clasificatoria das principais empresas do sector conxelador en Galicia. Cos mesmos socios estabeleceron alianzas de longo alcance nunha rede de sociedades. Interveñen en Pesquera Galmar S.A., propietaria do arrastreiro Kalatxori, destinado á captura de cefalópodos en augas das Malvinas, mediante a empresa mixta Kalamar S.A. Outra sociedade conxunta, Eurofishing S.A., permite traballar neste caladoiro ao Ferralemes. A empresa mixta Congeladores Patagónicos S.A., dedica os seus barcos á captura de lagostino en augas de Arxentina, país onde estabeleceu, ademais, unha planta para o procesado de peixe. Tamén unha estratexia similar lles permite aproveitar co Protegat o bacallau de profundidade nas Xeorxias do Sur. Agora ben, esta orientación cara á pesca de grande altura non supoñerá o abandono dos caladoiros tradicionais da pesca española. En 1996, apoiados en axudas do goberno de Canarias, substituirán o Myrdoma B polo Myrdoma F que traballará en augas de Marrocos ata a expulsión da frota a comezos do 2000, reconverténdose posteriormente á pesca do bacallau de profundidade nas augas do Atlántico Norte. Asemade, mediante a empresa mixta Skellig Fish, constituída con armadores irlandeses e na que participan

180

Melitón D. Domínguez Leal

181

maioritariamente, traballan con catro barcos nos caladoiros do Gran Sol, e vendían en fresco as súas capturas de pescada, lagostino, peixe sapo, etc. Aínda que nas actividades dos Fontán Domínguez participan todos os irmáns, os que interveñen directamente no día a día son Rosa, Roberto, Jacobo e José Ramón, estes dous últimos moi vinculados ao sector e á súa propia xestión; Jacobo foi xerente da Asociación de Pesqueros Españoles (ASPE) e ostentou diversos cargos en entidades de seguros marítimos e José Ramón posúe unha longa traxectoria como xerente da Asociación Nacional de Armadores de Buques Congeladores de Pesca de Cefalópodos (ANACEF), radicada nas Palmas de Gran Canaria. Empresarios que se recoñecen herdeiros pero non limitados pola tradición. Hoxe as súas empresas preséntanse moi asentadas e con gran capacidade de adaptación ao cambiante medio da pesca internacional.

Bibliografía Giráldez Rivero, J. (1996): Crecimiento y transformación del sector pesquero gallego (1880-1936), Madrid, MAPA. González Laxe, F. I. (1983): El proceso de crecimiento del sector pesquero español (1961-1978), Fundación Caixa Galicia. González Martin, G. (1993): «Manuel Domínguez Macaya, vigués presidente honorario de armadores», La Voz de Galicia, 20 de xuño. Industrias Pesqueras (1959): «La personalidad pesquera de D. Manuel Domínguez Macaya», Industrias Pesqueras, 1 de agosto. Sinde Cantorna, A. (2000): Estrategias de crecimiento y formas de integración en la empresa pesquera gallega, Madrid, Fundación Empresa Pública.

Varela Lafuente, M. (1985): Procesos de producción en el sector pesquero en Galicia, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela. Veiga, B. (1973): ARCOMAR, 1923-1973, Cádiz 50 aniversario. Xunta De Galicia (1993): Plan de ordenación de los recursos pesqueros y marisqueros de Galicia (II). La política pesquera de Galicia en el contexto comunitario, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.