A historia oculta de Muhammad Ali

A revolta do deportista negro A historia oculta de Muhammad Ali David Zirin1 O material de arquivo de Muhammad Ali úsase para vender de todo, desde r...
6 downloads 3 Views 164KB Size
A revolta do deportista negro

A historia oculta de Muhammad Ali David Zirin1 O material de arquivo de Muhammad Ali úsase para vender de todo, desde refrescos a coches. A imaxe coa que nos malcriaron é a do boxeador incribelmente carismático, que danza polo ring e berra “Son o máis grande”. O Muhammad Ali de agora é tamén unha figura moi pública, malia a súa imposibilidade case total para moverse ou falar. A súa voz foi calada a un tempo polos anos de boxeo e pola enfermidade do Párkinson. Este Ali foi abrazado polo sistema como un santo en vida. En 1996, mandárono, coas súas mans tremelicando, a acender o lume olímpico en Atlanta. En 2002, “aceitou protagonizar unha campaña publicitaria producida por Hollywood, deseñada para presentar os Estados Unidos e a guerra en Afganistán ao mundo árabe”2. Ali foi completamente absorbido polo sistema como unha lenda, unha icona inofensiva. Case non queda ren da controvertida verdade: nunca houbo un deportista tan insultado pola prensa do poder, tan perseguido polo goberno estadounidense nin tan desafiantemente querido en todo o mundo como Muhammad Ali. Apenas queda xa unha mención deste Ali, o catalizador que trasladou os temas do racismo e a guerra ao deporte profesional. Hoxe en día, simplemente pensar en que os deportistas, absurdamente exaltados e hipercomercializados, usen as súas plataformas para facer tomas de posición contra a inxustiza parece imposíbel. Accións así romperían a regra de ouro dos deportes de grandes ingresos: os deportistas non fan política, agás cando é hora de saudar a bandeira, apoiar as tropas ou vender a guerra. Por iso, cando Toni Smith, o capitán de baloncesto da pequena Universidade Manhattanville, da terceira división, deu as costas á bandeira, o ataque foi feroz. Josh Howard, da selección de afeccionados de baloncesto de Wake Forest, dixo en marzo de 2003 sobre a guerra en Iraq “xira todo arredor do petróleo, é como eu o vexo”3. Non só se fixo escarnio público de Howard, senón que ademais o informe de fichaxes da NBA sinalaba: “Os comentarios contra a guerra reflicten un comportamento errático do que xa había rumores”. A historia oculta de Muhammad Ali e a revolta dos deportistas negros nos 60 é unha historia aínda viva. Esixíndolla aos poderosos podemos entender máis sobre as loitas dos 60. Podemos ver como a loita pode agromar en cada aspecto da vida so o capitalismo. Tamén no deporte. O boxeo Ningún deporte como o boxeo tirou tanto de tantos deportistas (especialmente de deportistas negros) para despois deixalos como o millo sen espiga. Para os poucos que “o fan”, nunca é unha escolla. O boxeo é para os pobres, para a xente nacida nas marxes máis absolutas da sociedade. Os primeiros boxeadores dos EUA eran escravos. Os donos das plantacións do sur divertíanse xuntando os escravos máis fortes e facéndoos loitar cos seus colares de ferro.

David Zirin é o xefe de sección do Prince George’s Post, para o que escribe a columna semanal Edge of Sports. Os seus escritos tamén aparecen en www.basketball.com, www.football.com, Z Magazine e Counterpunch. Podese contactar con el no correo [email protected]. 2 "W. D. Mohammed tells Muslim youth to spread truth about Islam", disponíbel en www.islamonline.net/English/News/2001-12/25/article6.shtml. 3 "Howard opposes war in Iraq," Winston-Salem Journal, Mércores, 19 de Marzo de 2003. 1

1

Mais despois da abolición do escravismo, o boxeo foi único entre os deportes porque, a diferencia dos outros, deixou de estar segregado logo do comezo do século pasado. Isto non aconteceu porque os promotores do boxeo fosen progresistas en modo algún. Ben ao contrario. A propia brutalidade do deporte forneceu os promotores cun escenario onde deitar cartos do racismo rampante pola sociedade estadounidense. Inconscientemente, estes primeiros promotores dos combates abriran un espazo onde as ideas da supremacía branca presentes na sociedade puideron ser desafiadas. Eran os tempos da pseudociencia tremendamente racista. A idea non era só que os negros eran mentalmente inferiores aos brancos, senón tamén fisicamente inferiores. Os negros víanse demasiado preguiceiros e indisciplinados como para seren tomados en serio como deportistas. Cando Jack Johnson se converte no primeiro campión negro dos pesos pesados en 1908, a súa victoria creou unha grave crise. Os medios de comunicación alimentaron unha histeria pola necesidade dunha “grande esperanza branca”. O antigo campión Jim Jeffries volveu do retiro e dixo “Vou a este combate co único propósito de demostrar que un home branco é mellor que un preto” 4. No combate, que tivo lugar en 1910, a banda, a carón do ring, tocou “All coons look alike to me” (‘Todos os negrazos me parecen iguais’), e os promotores conduciron á multitude branca berrando “Mata ao preto”5. Mais Johnson era máis rápido, máis forte e máis listo que Jeffries, e deixouno sen sentido con facilidade. Logo da victoria de Johnson, houbo disturbios raciais por todo o país (en Illinois, Missouri, Nova Iorque, Ohio, Pennsylvania, Colorado, Texas e Washington D.C.). A meirande parte dos disturbios consistiron en poularedas brancas que atacaban negros, e negros que respondían. Esta reacción a un combate de boxeo foi un dos levantamentos raciais máis estendidos dos EUA até o asasinato en 1968 do líder dos dereitos civís Martin Luther King Jr. Os grupos relixiosos de extrema dereita organizáronse para prohibir o boxeo. Mesmo o Congreso aprobou unha lei prohibindo os filmes de boxeo. Tamén algúns líderes negros, como Booker T. Washington, puxaron por que Johnson aceitase as ordes e condenase os afroamericanos por participaren en disturbios. Mais Johnson permaneceu desafiante, enfrontándose ao acoso e a persecución para a maior parte da súa vida. Foi obrigado a exiliarse en 1913, coa acusación falsa de ter transportado unha muller branca alén das fronteiras do estado para exercer a prostitución. A reacción violenta contra Johnson fixo por que pasaran 20 anos antes da aparición doutro campión negro dos pesos pesados: Joe Louis, “o bombardeiro moreno”. Louis era calmo onde Johnson era desafiante. Foi manexado con moito coidado por un equipo que estabeleceu unha serie de regras que tiña que seguir, incluíndo “non ser fotografado nunca cunha muller branca, non ir a un clube nunca só e non falar a menos que se dirixan a ti” 6. Mais era devastador no ring, acadando 69 victorias de 72 combates profesionais, 55 delas por KO. Alén da imaxe imposta polos seus manipuladores, como se fose pintada, Joe Louis (e o seu dominio do ring) representou moito máis para os negros pobres, e tamén para a clase obreira radicalizada dos anos 30. Isto viuse de forma máis transcendental nos dous combates de Louis contra o boxeador alemán Max Schmeling en 1936 e 1938. Schmeling era apoiado fortemente polo líder nazi alemán Adolf Hitler como proba da “grandeza aria”. Na David Remnick, King of the World (New York: Vintage Books, 1998), p. 223. Ibid, p. 224. 6 Ibid. 4 5

2

primeira pelexa, Schmeling deixou sen sentido a Louis. Non foron só Hitler e o propagandista nazi Joseph Goebbels os que estaban ledos como cucos. Un columnista do New Orleans Picayune escribía “Acho que isto proba que raza é realmente superior”7. O desquite de 1938 entre Louis e Schmeling causou un grande estrondo político, un referendo físico entre Hitler, o sur de Jim Crow* e o antiracismo. O Partido Comunista dos EUA organizou escoitas por radio do partido, desde Harlem até Birmingham, que viraron en verdadeiros mitins masivos. Hitler fechou as sas de cinema para que a xente estivese obrigada a escoitalo. Louis destrozou a Schmeling nun asalto. Nunha manobra notoria, Hitler cortou a enerxía da radio en toda Alemaña cando estaba claro que ía chegar o KO. "O bombardeiro moreno" gardou o título dos pesos pesados doce anos, o reinado máis longo da historia. Gañou a todos os aspirantes, a maioría deles brancos, e defendeu o título o record de 25 veces. Como a poetisa Maya Angelou escribiu sobre Louis, “[o] preto invencíbel, o que se ergueu diante do home branco e bateu nel cos seus puños até derrubalo. Nun sentido, el trouxo moitas das nosas esperanzas e quizais tamén os nosos soños de vinganza”8. Trinta anos despois do combate, Martin Luther King Jr. escribiu en Por que non podemos esperar: Máis de 25 anos atrás, un dos estados do sur adoptou un novo método de pena capital. A forca mudou polo gas venenoso. Nos primeiros momentos, colocábase un micrófono na cámara de gas selada para que os observadores científicos puideran ouvir as palabras do prisioneiro moribundo e xulgar como actuaba a víctima nesta nova situación. A primeira víctima foi un preto novo. Mentres os gránulos caían no contentor e o gas ía subindo, polo micrófono chegaron estas palabras: “Sálvame, Joe Louis, sálvame Joe Louis, sálvame Joe Louis”9. Nunha sociedade tan tremendamente racista, o boxeo virou nunha vía de escape para a carraxe do pobo, unha alegoría sobre as capacidades frustradas, o talento sen recoñecer e o implacábel espírito de loita que modelou a experiencia dos negros nos EUA. "O rei do mundo" A identidade de Muhammad Ali forxouse nos 50 e 60, no entanto a loita pola liberdade dos negros se quentaba até ferver. Naceu co nome de Cassius Clay en Louisville, Kentucky, en 1942. O seu pai, un artista frustrado, gañaba o pan como pintor de casas. A nai era traballadora do fogar. O Louisville da mocidade de Ali era unha comunidade segregada que vivía da cría de cabalos e onde ser negro significaba ser visto como un servinte. Pero o mozo Clay podía boxear e tamén podía falar. Non era como os outros boxeadores, ou deportistas, ou calquera outra figura pública negra. Joe Louis adoitaba dicir “O meu representante fala por min. Eu falo no ring”. Clay falaba dentro e fóra do ring. A prensa chamábao Louisville Lip (‘O beizo de Louisville’),

Ibid. p. 225. As Leis de Jim Crow era o nome que recibía a normativa que, so o lema de “separados, mais iguais”, mantivo dentro da legalidade a segregación racial e a represión dos negros nos estados do sur dos EUA entre 1876 e 1965. [Nota do tradutor] 8 Ibid, p. 227. 9 Ibid. 7 *

3

Cash the Brash (‘Cash o xarelo’), Mighty Mouth (‘A boca poderosa’) e Gaseous Cassius (‘Cassius o gaseoso’)10. Adoitaba dicir que falaba porque o seu heroe era un loitador de loita libre chamado Gorgeous George (‘George o magnífico’). Mais nun descoido dixo: “Onde pensades que ía estar a semana que ven se non soubese berrar e bourear? Probabelmente estaría de volta na miña terra, dicindo siseñor e nonseñor e sabendo cal é o sitio que me corresponde”11. Mais o Ali facía algo máis que falar. A súa capacidade para o boxeo fíxolle gañar a medalla de ouro nas Olimpíadas de 1960, con 18 anos. Cando volvía das Olimpíadas (eis os seus primeiros pasos na carreira política) deu unha conferencia de prensa no aeroporto, coa medalla de ouro colgando do pescozo, e dixo: Facer de América o máis grande é o meu obxectivo, por iso ao ruso e ao polaco teño batido e para os EUA trouxen o ouro comigo, os gregos dirán “es mellor que Casio o antigo”**12. Clay adoraba a súa medalla de ouro. Unha compañeira nas Olimpíadas, Wilma Rudolph, dixera: “Durmía con ela, ía a cafetaría con ela. Nunca a quitaba”13. A semana despois do regreso das Olimpíadas, Clay, coa súa medalla ao pescozo, foi comer unha hamburguesa con queixo a un restaurante de Louisville. Negáronse a servirlle. Guindou a medalla no río Ohio. O mozo Clay comezou entón a procurar activamente respostas políticas, e empezou a atopalas cando escoitou a Malcolm X falar nunha xuntanza da Nación do Islam (NOI). Escoitouno dicir: “Pode ser que vexades eses pretos que cren na nonviolencia, e que nos tomedes por un deles e nos poñades a man enriba pensando que imos por a outra meixela... e entón nós imos darvos unha malleira de morte”14. O loitador novo e Malcolm X convertéronse en aliados políticos e grandes amigos. Malcolm ficou con Clay mentres adestraba para o seu combate co “oso grande e feo”, o campión Sonny Liston. Con Malcolm xunta el, nas páxinas de deportes agromaron os rumores de que Clay ía unirse á NOI, e prensa farexaba, querendo saber. Chegado un momento dixo “Vouno facer como non deixedes de me preguntar”. Cando todo o mundo prognosticaba un KO fácil para Liston, Malcolm dixo: Clay vai gañar. É o mellor deportista negro que coñezo, e vai significar máis para o seu pobo que Jackie Robinson. Robinson é un heroe do poder. Clay ha ser o noso heroe. Non moita xente sabe da súa claridade mental. Esquecen que, se ben o pallaso nunca imita ao sabio, o sabio pode imitar ao pallaso15. Calquera que fose a opinión sobre se era un sabio ou un pallaso, ninguén daba un peso por el contra Liston, un ex-presidiario descomunal que traballara para a mafia rompendo pernas nos piquetes. Ali, máis rápido, máis forte e máis audaz do que

Thomas Hauser, Muhammad Ali in Perspective (New York: HarperCollins, 1996), p. 6. Remnick, p. 124. ** No orixinal, “To make America the greatest is my goal / So I beat the Russian and I beat the Pole / And for the USA won the medal of Gold. / The Greeks said you’re better than the Cassius of Old.” [Nota do tradutor] 12 Ibid, p. 105. 13 Ibid, p. 104. 14 Ibid, p. 129. 15 Mike Marqusee, Redemption Song: Muhammad Ali and the Spirit of the Sixties (New York: Verso 1999), p. 75. 10 11

4

ninguén pensara, abraiou ao mundo ao derrotar a Liston. Entón dixo a famosa frase “Son o rei do mundo!”. Cando Ali dixo que era o mellor, non estaba moi lonxe de ser certo. O seu adestrador Angelo Dundee dixera unha vez cun sorriso: “Destrozou toda unha xeración de loitadores coas súas propias mans. A calquera outro que fixera tal, obrigárono a beixar o chan. Mais Ali era tan rápido que podía escaparse coas mesmas”16. Ali marcou un novo estándar para a velocidade no ring. Adoitaba dicir: “Son tan rápido que podo apagar as luces do meu cuarto e meterme na cama antes de que estea escuro”17. Como escribira Gary Kamiya, Nunca se viu a ninguén moverse tanto e tan rápido. Nunca se viu a ninguén que fixera tanto dano de xeito tan fermoso. Loitar con Ali era como deslizarse polo chan con Gene Kelly nun dueto mortal: unha simple perda do ritmo, unha pausa dunha centésima parte de segundo nun xiro, e o bate de béisbol escacharía na túa cabeza18. Na súa carreira profesional gañou 56 combates de 61, 37 deles por KO. O día logo de gañar a Liston, Clay anunciou publicamente que era membro da NOI. Non hai palabras para definir a conmoción que isto provocou. Fóra dos desacordos que se puidesen ter coa Nación do Islam, o caso é que o campión mundial dos pesos pesados se unía á organización de Malcolm X. O campión estaba cun grupo que chamaba “demos” aos brancos e que apoiaba sen ocultalo a autodefensa e a separación racial. Non é de estrañar que a xente do mundo do boxeo (conservadora, chea de prexuízos e corrupta) lle fervera o sangue. Ali non só foi atacado polo mundo dos deportes, senón tamén polo grupo respectábel do movemento de dereitos civís. Roy Wilkins, da xeración máis vella do movemento, dixo: “Cassius Clay ben podería ser un membro honorario dos Consellos de Cidadáns Brancos***”19. Jimmy Cannon, daquela o máis famoso redactor deportivo estadounidense, escribiu: “Nos combates, os negocios sucios, desde os seus inicios máis podres, foron sempre o barrio chinés dos deportes. Mais agora é a primeira vez que viran nun instrumento de odio”20. A resposta de Ali neste punto foi moi defensiva. Unha e outra vez dixo que a súa non era unha conversión política senón só relixiosa. A súa defensa reflectía a política conservadora da NOI. Ali dicía: “Non me vou matar para que me acepte unha xente que non me quere. A integración esta mal. Os brancos non a queren e os musulmáns non a queremos. E logo que pasa cos musulmáns? Nunca estiven na cadea. Nunca fun a xuízo. Non vou ás manifestacións pola integración e nunca levei unha faixa”21. Mais, igual que Malcolm X, que no tempo preparaba un distanciamento político da Nación, Clay, por máis que irase a Elijah Muhammad, non daba explicado a súa visión relixiosa do mundo sen falar da loita pola liberdade das masas negras que estaba a acontecer fóra do ring. El propio era o seu peor inimigo, afirmando que

Hauser, p. 19. Dick Schaap, "Billy, the Greatest and Me", disponíbel en espn.go.com/page2/s/schaap/010227.html. 18 Gary Kamiya, "The myth of Muhammad". Salon, Outubro de 1996. Disponíbel en http://archive.salon.com/oct96/book961104.html. *** Movimento cidadán estadounidense, especialmente implantado no Sur, que se resistía as decisións xudiciais en contra da segregación e criticaba a integración dos negros. Ten o seu descendente actual no Consello de Cidadáns Conservadores [Nota do tradutor]. 19 Ibid, p. 9. 20 Ibid. 21 Ibid, p. 81. 16 17

5

era unha mudanza relixiosa e que non tiña nada a ver coa política mais dicindo logo: Non son cristián. Non podo selo cando vexo como explotan a toda a xente de cor que loita pola integración. Tíranlles pedras, mandan os cans a trabar neles e despois estoupan con petardos unha igrexa de pretos. A xente sempre me esta a dicir que ía ser un bo exemplo se non fose musulmán. Estou farto de escoitar que por que non podo ser máis como Joe Louis e Sugar Ray. Ben, eles xa non están e a condición do home negro segue igual, non é? Aínda estamos coa merda ao pescozo22. Se a prensa do poder estaba indignada, para unha nova xeración de activistas foi unha revelación. Como traía á memoria o líder dos dereitos civís Julian Bond, Lembro cando Ali se uniu a nación. O acto de unirse non era algo do que moitos de nós gostásemos especialmente. Mais o feito de facelo, de meterse de cabeza, uníndose a un grupo tan rexeitado polos ben pensantes dos Estados Unidos (e ademais estar orgulloso de facelo)... provocábache un calafrío. Podía mandar á merda aos tíos brancos, estaba a seguir o seu propio camiño23. Nesta época, foi chamado Cassius X por algún tempo, mais Elijah Muhammad deulle o nome de Muhammad Ali, un grande honor co que asegurarse ao novo Ali do seu lado na liorta con Malcolm X. Ali aceitou a contrapartida que logo describiría como o seu erro máis grande, dándolle as costas a Malcolm. Mais a clase dirixente e os medios non entendían da política interna da Nación. Para eles a mudanza de nome, algo que nunca antes acontecera nos deportes, era outra labazada na cara. De súpeto, chamarlle Ali ou Clay indicaba unha posición clara fronte aos dereitos civís, o black power e nalgún momento mesmo a guerra do Vietnam. O New York Times insistiu en chamarlle Clay como política editorial até moitos anos despois. Todo esto tiña lugar co pano de fondo da loita pola liberdade dos negros que se espallaba de sur a norte. No verán de 1964 houbo mil arrestos de activistas polos dereitos civís, trinta edificios estoupados e trinta e seis igrexas queimadas polo Ku Klux Klan e os seus simpatizantes. En 1964 tiña lugar o primeiro dos levantamentos urbanos e as primeiras liortas nos guetos do norte. A política do black power comezaba a aparecer e Muhammad Ali era un símbolo chave para a súa transformación. Como dixera o presentador de informativos Bryant Gumbel, “unha das razóns de que o movemento dos dereitos civís chegara tan lonxe foi que os negros foron capaces de superar o medo. E creo honestamente que para moitos afroamericanos iso aconteceu en vendo a Muhammad Ali. Simplemente se negaba a ter medo. E con iso, armou de valor a outra xente”24. Un signo concreto da influencia temperá de Ali puido verse en 1965 cando o Comité de Coordinación dos Estudantes pola Non-violencia (SNCC) de Lowndes County, Alabama, creou un partido político independente. O seu grupo foi o primeiro en usar o símbolo da pantera negra. Os colantes dos seus autos e as súas camisolas levaban a silueta dunha pantera e un slogan tirado directamente do campión: “Somos os máis grandes”25. Todos os combates logo do seu cambio de nome (igual que os de Louis e Schmeling) viraran en alegorías da revolución negra contra os que se opuñan a ela. Ibid, p. 82. Hauser, p. 20. 24 Ibid, p. 16. 25 Marqusee, p. 193. 22 23

6

Floyd Patterson, un ex-campión negro que se embrullaba ben na bandeira americana, dixera do seu combate con Ali: “Este combate é unha cruzada para reclamarlle o título aos musulmáns negros. Como católico, vou loitar con Clay como un deber patriótico. Vou volverlle a coroa aos Estados Unidos”. No combate, Ali destrozou a Patterson durante nove rounds, arrastrándoo ao berro de “Veña, América! Veña, América branca! Como me chamo? Chámome Clay? Como me chamo, pallaso?”26. O futuro líder do Partido dos Panteras Negras, Eldridge Cleaver, escribiu na súa autobiografía Alma no xeo, en 1968, “[s]e Baía de Cochinos podía ser visto como un directo de dereita contra o queixo psicolóxico dos Estados Unidos brancos, entón [o combate Ali-Patterson] foi o perfecto gancho de esquerda directo ao estómago”27. Vietnam Nos comezos de 1966, o exército chamou a filas a Ali e foi clasificado de apto sen escusas para o servizo militar. Cando escoitou estas novas, rodeado de xornalistas, escapóuselle unha das frases máis famosas da década: “Tío, eu non teño ningún problema co Vietcong”28. Esta afirmación foi sorprendente. Había moi pouca oposición á guerra daquela. O movemento contra a guerra estaba a comezar e a maioría do país ficaba parada. A capa da revista Life dicía "Vietnam: a guerra que paga a pena gañar". A canción “A balada dos boinas verdes” subía nas listas. E aí estaba Ali. Como dixera o veterano activista pacifista Daniel Berrigan, “[f]oi un pulo importantísimo para un movemento contra a guerra que sempre fora moi branco. Non era un profesor, nin un bohemio nin un crego. Non podía ser tachado de covarde"29. A reacción foi inmediata, hostil, salvaxe e por veces divertidamente histérica. Jimmy Cannon escribiu: Alíñase cos famosos cantantes que ninguén escoita, e cos túzaros que montan as súas motocicletas, e con Batman, e cos rapaces de cabelo longo e as rapazas de aspecto sucio, e cos nenos da universidade que bailan espidos en festas secretas, e coa revolta dos estudantes que receben un cheque do papá, e cos pintores que copian as etiquetas das latas de sopa e os maricóns de praia que se negan a traballar e todo o con culto mimado á mocidade aburrida30. Jack Olsen escribiu anos despois no Sports Illustrated: "O balbordo virou estrondo, os atabais dunha guerra santa. Os comentaristas da radio e a televisión, as velliñas... os editores, os curas párrocos, os estrategos de salón do Pentágono e os políticos de todas partes xuntáronse nunha espiral de “a por Cassius, a por Cassius, a por Cassius”31. A Ali déronselle todas as oportunidades para retractarse, para pedir desculpas, para aceitar calquera choio boxeando nun bolo para os EUA, para as tropas e as cámaras, para volver a facer cartos. Mais rexeitounas. O seu rexeitamento foi pantagruélico polo que se estaba a mover na sociedade daquela. Tiñas a revolución

Patterson and Ali, citados por Remnick, p. 276. Marqusee, p. 162. 28 Ibid. A citación que se lle atribúe decote a Ali, "Ningún vietcong me chamou nunca negrazo", é discutida por Hauser e non aparece en Marqusee. 29 Hauser, p. 20. 30 Marqusee, p. 179. 31 Remnick, p. 83. 26 27

7

negra dunha banda e a resistencia ao servizo militar e o movemento contra a guerra doutra. E ao campión dos pesos pesados cun pé en cada unha. Como lembrara a poeta Sonia Sánchez, É difícil transmitir agora a emoción deses tempos. Era un tempo no que case ninguén coñecido se opuña ao servizo militar. Era unha guerra que estaba a matar desproporcionadamente a irmáns negros e aí estaba ese home novo, divertidamente poético e maravilloso dicindo “Non!”. Imaxinádeo un segundo. O campión dos pesos pesados, un home máxico, levando o seu combate fóra do ring, á escena política, e manténdose firme. O mensaxe estaba lanzado!32 Un clamor popular incríbel arroupou a Ali. Eis o por que, malia o acoso, e os ataques dos medios, e os pinchazos telefónicos, se mantivo firme. Máis tarde aquel ano, nunha conferencia de prensa, agardábase que pedise desculpas. Sempre se rumoreara que se ía botar atrás no tema da guerra. En troques diso, ergueuse e dixo “Non importa canto mo preguntedes, non. Coa guerra de Vietnam, sigo esta canción. Non teño ningún problema co Vietcong”****33. Xa era 1967 e, noutro gran paso para o movemento contra a guerra, Martin Luther King Jr. arremeteu contra ela. Nunha conferencia de prensa onde King manifestou por primeira vez a súa oposición, dixo: “Como Muhammad Ali deixou claro, os negros e os amarelos somos todos vítimas do mesmo sistema opresor”34. Ali e King, provocando a carraxe da NOI, iniciaron unha amizade privada da que sabemos grazas á boa xente do FBI. Velaí unha curta transcrición dunha das escoitas a Martin Luther King, na que Muhammad Ali é referido con burla como “C.”: MLK falou a C., saudáronse. C invitou a MLK a ser o seu hóspede no próximo combate do campionato. MLK dixo que gustaría de asistir. C dixo que está mantendo contacto con MLK e que MLK é o seu irmán e que está con el ao cento por cento mais que non pode arriscarse e que MLK debería ter coidado e “vixiar eses branquiños”35. A única vez que estes amigos privados se encontraron en público foi despois nese mesmo ano, cando Ali se uniu a King en Louisville, onde estaba a desenvolverse unha loita aceda e violenta por unha vivenda xusta. Ali falou aos manifestantes dicindo: Na vosa loita pola liberdade, a xustiza e a igualdade, estou con vós. Vin a Louisville porque non podía ficar calado mentres á miña propia xente, a moitos cos que medrei, a moitos cos que fun á escola, a moitos da miña familia, zoupábanlles, pisábanos e pateábanos nas rúas simplemente porque queren liberdade, e xustiza e igualdade na vivenda36. Máis tarde, ese mesmo día, afirmou a súa posición como punto de encontro entre a loita pola liberdade e a loita contra a guerra cando un xornalista andaba como un Ibid, p. 290. No orixinal, “Keep asking me, no matter how long, On the war in Vietnam, I sing this song, I ain’t got no quarrel with the Vietcong” [Nota do tradutor]. * * * * No orixinal, “Keep asking me, no matter how long, On the war in Vietnam, I sing this song, I ain’t got no quarrel with the Vietcong” [Nota do tradutor]. 33 Marqusee, p. 179. 34 Ibid, p. 213. 35 Remnick, p. 211. 36 Marqusee, p. 213. 32

****

8

chantón a preguntarlle sobre este tema, até que finalmente el se xirou, coas cámaras zoando, e dixo: Por que me deberían pedir que me poña un uniforme e marche a 10000 millas da casa para tirarlle bombas á xente amarela no Vietnam cando, en Louisville, os chamados pretos son tratados como cans e se lles negan os máis simples dereitos humanos? Non, non vou marchar a 10000 millas da casa e axudar a asasinar e a queimar outra pobre nación só para que continúe a dominación dos amos brancos que escravizan a xente de pel máis escura en todo o planeta. Chegou o día no que esta maldade ten que acabar. Xa me advertiran que unha decisión así podería custarme miles de dólares. Mais xa o teño dito e vólvoo dicir: O verdadeiro inimigo do meu pobo está aquí. Non vou deshonrar a miña relixión, o meu pobo e a min propio e converterme nunha ferramenta para escravizar aos que loitan pola súa propia xustiza, liberdade e igualdade. Se pensase que a guerra ía traer liberdade e igualdade aos 22 millóns de persoas do meu pobo non terían que chamarme a filas. Alistaríame mañá mesmo. Non teño nada que perder por defender as miñas crenzas. E se vou á cadea, que? Nós levamos catrocentos anos na cadea37. Julian Bond dixo: “Cando Ali rexeitou dar ese paso simbólico, todo o mundo o sabía ben logo. Podías escoitar á xente falar diso en todas as esquinas. Estaba en boca de todos. Xente que nunca pensara na guerra (brancos e negros) comezaron a pensar niso grazas a Ali”38. A negativa de Ali a loitar no Vietnam estaba na capa de todos os xornais do mundo. Na Güiana houbo un piquete de apoio diante da embaixada dos EUA. En Karachi, rapaces paquistanís fixeron xaxún. E houbo unha manifestación multitudinaria no Cairo. En Xuño de 1967, Ali foi procesado por un xurado de Houston, formado unicamente por brancos. A típica sentencia para estes casos era de 18 meses. A Ali caéronlle cinco anos e a confiscación do pasaporte. Inmediatamente, apelou. Ali, imbatido e intocábel, foi desposuído do título por negarse a servir no exército, comezando un exilio do ring de tres anos e medio. O apoio chegou dos lugares máis insospeitados. Floyd Patterson, que tamén estaba a ser influído polos movementos ao seu arredor, dixo: “O que me fastidia é que a Clay lle fan pagar unha pena tan dura por facer o correcto. Suponse que o campión de América non pode dar un chío sobre política, especialmente se as súas opinións son contrarias ás do goberno e poden ser influentes sobre a clase operaria que segue o boxeo”39. Un grupo que entendeu completamente o significado da decisión de Ali foi o do Congreso estadounidense. O día da súa condena votaron 337 a 29 para estender a leva por catro anos máis. Tamén aprobaron por 385 votos a 19 facer da ofensa á bandeira un crime federal. Daquela, 1000 civís vietnamitas eran asasinados cada semana polas forzas dos EUA. Un cento de soldados morría cada día, a guerra custaba dous millóns de dólares ao mes e o movemento contra a guerra estaba a medrar. O desafío de Ali era máis do que unha nota a rodapé no movemento. Como dixera un observador, “fixo por que a disidencia fose visíbel, escoitada, atractiva e sen medo”40. En 1968, Ali saiu baixo fianza, abandonado pola NOI e polos seus apoios e desposuído do seu título. Mais nunca estivera tan activo porque había toda unha Ibid, p. 214. Hauser, p. 22. 39 Marqusee, p. 180. 40 Ibid, p. 230. 37 38

9

xeración de brancos e negros que querían escoitalo. E Ali cumpriu, agradecido. En 1968, falou en 200 campus. Eis un espiche, enchido de confianza, como se os EUA non significasen unha ameaza maior ca de Floyd Patterson: Esperase de min que vaia alén mar a axudar a xente libre do Vietnam do Sur e no entanto a miña xente está a ser tratada brutalmente aquí, carallo! Gustaría de dicir, aos que pensedes que perdín moito, que eu gañei todo con isto. Teño paz de espírito, teño a conciencia tranquila e libre. E estou orgulloso. Érgome contento, déitome contento e, se vou á cadea, hei ir contento41. A revolta do deportista negro chega ás Olimpíadas A revolución negra que formou a Ali e que Ali contribuíra a formar entrou como un lóstrego no mundo do deporte olímpico. No outono de 1967 os deportistas negros afeccionados formaron o Proxecto Olímpico para os Dereitos Humanos (OPHR) co albo de organizaren un boicote ás Olimpíadas de 1968 na Cidade de México. O OPHR e o seu organizador, o Dr. Harry Edwards, estaban influenciados polo movemento do black power daquel tempo. Edwards, autor dun libro titulado A revolta do deportista negro42, dixo anos despois: Era inevitábel que aquela revolta do deportista negro se desenvolvese. Coas loitas que estaban a levar os negros nos eidos da educación, a vivenda e tantos outros, só era cuestión de tempo que os deportistas afroamericanos se deixasen de ilusións e fantasías e afirmasen a súa humanidade ao enfrontaren os feitos da súa propia existencia43. O obxectivo do proxecto era mostrar como os EUA usaban deportistas negros para proxectar unha imaxe falsa tanto no interior como internacionalmente. O manifesto fundacional do grupo declaraba: Non podemos seguir permitindo que este país use algúns dos chamados pretos para dicirlle ao mundo canto avanzou na resolución dos problemas raciais, cando a opresión dos afroamericanos é maior que nunca. Non podemos seguir permitindo que se parabenice o mundo dos deportes como se fose unha fortaleza da xustiza racial cando as inxustizas raciais do mundo dos deportes son tristemente célebres... [C]alquera negro que se permita ser usado desta maneira é un traidor porque permite aos brancos racistas o luxo de descansar, seguros de que os negros fican nos guetos porque é onde queren estar. Preguntémonos, pois, por que deberiamos ir a México a humillar os nosos fogares?44 O OPHR tiña tres reclamacións principais: 1) Volverlle o título a Muhammad Ali. Ao expresaren a súa solidariedade con Ali, os deportistas expresaban tamén a súa oposición á guerra; 2) Sacar a Avery Brundage da dirección do Comité Olímpico estadounidense. Brundage era un coñecido supremacista branco, de máis sona na actualidade por ter fechado o trato con Hitler para levar os Xogos Olímpicos de 1936 a Berlín; e 3) Non convidar a Sudáfrica e Rodesia. Este era un esforzo consciente por expresar a solidariedade internacionalista coas loitas de liberación negra que se desenvolvían nestes dous países con réxime de apartheid45.

Ibid, p. 232. Harry Edwards, The Revolt of the Black Athlete (New York: Free Press, 1969). 43 David K. Wiggins and Patrick B. Miller, The Unlevel Playing Field (Champaign, Illinois: University of Illinois Press, 2003), p. 286. 44 Amy Bass, Not the Triumph but the Struggle (Minneapolis: University of Minnesota Press, 2002), p. 229. 45 Ibid, p. 132. 41 42

10

O Comité Olímpico Internacional consentiu á terceira demanda, prohibindo asistir a Rodesia (hoxe Cimbabue) e Sudáfrica. Aínda que isto deitou en saco roto o proxecto dun boicote mais amplo aos xogos, moitos deportistas aínda estaban determinados a facer unha toma de posición. Os meses anteriores ás Olimpíadas de México fervían en loitas. A debilidade do imperialismo estadounidense ficaba ás claras en todo o mundo ao lanzar a Frente de Liberación Nacional Vietnamita a Ofensiva do Tet en Xaneiro, e a guerra viraba decididamente na contra dos Estados Unidos. O asasinato do líder dos dereitos civís Martin Luther King en Abril provocaba disturbios nas cidades de todo o país. En ducias de cidades aparecían seccións do Partido das Panteras Negras para a Autodefensa. En Praga, as protestas dos estudantes checos desafiaban os tanques rusos nas rúas. E en Francia, millóns de obreiros participaban dunha das folgas máis grandes da historia do mundo. O 2 de Outubro, dez días antes do comezo das Olimpíadas, na Cidade de México, as forzas de seguridade mexicanas masacraban a centos de estudantes que ocupaban a Universidade Nacional. Todo isto preparaba o escenario para a rebelión que os deportistas negros organizaban no estadio olímpico. O segundo día dos xogos, Tommie Smith e John Carlos tomaron posicións. Primeiro, Smith estabeleceu un record mundial nos 200 metros lisos. Entón sacou as luvas. Cando Smith subía ao podio para recoller a medalla de ouro, sacou un par de luvas, achegándolle unha a Carlos, o terceiro clasificado. Cando a medalla de prata, un corredor australiano chamado Peter Norman, se decatou do que estaba a acontecer, correu até a tribuna para collerlle a un simpatizante un parche da OPHR e mostrar así a súa solidariedade no podio46. Cando a bandeira norteamericana comezaba a subir polo mastro e o himno comezaba a sonar, os dous homes baixaron as cabezas e ergueron o puño facendo o saúdo do black power. Mais non eran só as luvas. Smith e Carlos ían descalzos para denunciar a pobreza dos negros e levaban colares para protestar polos linchamentos. En poucas horas, Smith e Carlos eran expulsados da Vila Olímpica e desposuídos das súas medallas. Avery Brundage, cabeza do Comité Olímpico estadounidense, xustificouno dicindo: “Violaron un dos principios básicos das Olimpíadas: a política non ten cabida aquí”. O Los Angeles Times acusou a Smith e Carlos de saudar “á moda dos nazis”. A revista Time publicou unha imaxe do símbolo olímpico, mais no canto do lema “Máis rápido, máis alto, máis forte” puxeron o de “Máis irado, máis desagradábel, máis feo”47. Mais se Smith e Carlos foron atacados desde todos os ámbitos, tamén recibiron apoios das fontes máis diversas. O equipo olímpico de remo, todos brancos e de Harvard, realizou esta declaración: A nós, como individuos, afectanos o papel dos negros na sociedade estadounidense e a súa loita pola igualdade de dereitos. Como membros do equipo olímpico estadounidense, consideramos un deber moral apoiar os nosos compañeiros negros nos seus esforzos por facer ver as inxustizas e desigualdades que imbúen a sociedade48. As accións de Smith e Carlos foron unha labazada brutal na cara da hipocrisía, no medio das Olimpíadas. Por desgraza, os membros do OPHR desperdiciaron unha Ibid, p. 240. Ibid, p. 236. 48 Ibid, p. 229. 46 47

11

grande oportunidade ao deixaren as mulleres virtualmente fóra do movemento. A meirande parte dos chamamentos do OPHR centráronse en reclamar dos homes a súa virilidade, como se as afroamericanas non fosen víctimas do racismo ou non puidesen ser unha voz forte contra el. Malia isto, as deportistas expresaron a súa solidariedade despois dos feitos. O último relevo das gañadoras do ouro nos 4x100 por equipos, Wyomia Tyus, dixo: “Gustaría de dicir que lle dedicamos o noso triunfo a John Carlos e Tommie Smith"49. Ali cae á lona A Ali, que recorrera a súa sentencia, axudouno a corrente crecente contra a guerra. Unha audiencia suprema dividida revogou a súa sentencia en 1970. Segundo os maxistrados, tería “dado azos aos negros”, así que Ali saíu victorioso. Volveu ao ring en 1971 como un loitador máis lento, mais tan intelixente como calquera que vestira as luvas. Ali perdeu con Joe Frazier en 1971, nunha tentativa por recuperar o título. O combate, de 15 asaltos, foi tan brutal que mandou a ambos os dous para o hospital. En 1973, Ali primeiro perdeu e logo gañou a Ken Norton. Entón chegou o “Estrondo na xungla”***** en Zaire contra George Foreman. En moitos sentidos revelou os límites e a ambigüidade do black power, ao mesmo tempo que o declinio da militancia de Ali e do movemento que inspirou e polo que foi inspirado50. O dictador Mobutu Sese Seko (unha nena bonita dos EUA, que matara a Patrice Lumumba, vello amigo de Ali, para facerse co poder e quedar coa cuarta parte da riqueza do país) asegurou o combate man a man cun parasito social chamado Don King. Xuntos tinxiron o combate coas cores do nacionalismo negro. Os acampamentos ilegais ao longo da estrada estaban tapados por cartazes enormes que dicían “Zaire: Onde o black power é unha realidade”51. Pouco antes do combate, Mobutu reuniu a ducias de supostos criminais e fixo executar un cento deles para asegurar tranquilidade á prensa internacional e as autoridades. Mais se todo á volta do combate era desagradábel, o combate en si foi incríbel. A multitude de africanos (que, como os negros dos EUA, vían en Ali a un heroe) berraban “Ali, Bomayé!” (‘Ali, mátao!’). Mais agardábase que Foreman, forte e no seu mellor momento, destrozara a Ali. En troques, Ali gañou a Foreman nun dos resultados máis sorprendentes da Historia. Pasou os primeiros asaltos permitindo que Foreman cansara tentando darlle puñadas, xa que nas semanas previas ao combate practicara a súa estratexia de “rope-a-dope” (‘atar o paifoco’): defender a cabeza e o corpo mentres mantiña as costas contra as cordas. Logo que Foreman estivo esgotado, Ali estoupou de súpeto desde as cordas, despachando a Foreman cunha serie de pancadas rápidas como lóstregos, no oitavo asalto. Foi un dos combates de boxeo máis estratexicamente brillantes da Historia. A carreira de Ali no boxeo continuou no entanto o movemento do black power e a loita pola liberdade decaían. A clase dirixente dos EUA esmagou unha parte do movemento mentres apoltronaba ao resto. Dalgún xeito, Ali representaba ambas as dúas partes. Foi a un tempo esmagado e apoltronado. Volveu ao ring como un loitador máis lento mais descubriu que podía resistir algunhas puñadas. E resistiunas até que estivo fisicamente destrozado. Ibid, p. 220. “Rumble in the Jungle”, nome dado ao combate con Foreman [Nota do tradutor]. 50 "O eslogan do black power se convertiu no nacemento dun movemento de esquerdas e ao mesmo tempo un xiro brusco á dereita. Agromaron catro interpretacións interconectadas: o black power como capitalismo negro, o black power como poder electoral negro, o black power como nacionalismo cultural e o black power como nacionalismo radical negro”. Ver Ahmed Shawki, "Black liberation and socialism in the U.S.", International Socialism Journal 47, p. 91. Até o Partido Republicano entrou no xogo, organizando unha conferencia sobre o black power en 1967, e definindo o black power como un esforzo para que os negros colleran unha parte maior do pastel capitalista. 51 Marqusee, p. 264. 49

*****

12

Aínda que máis lento, Ali era agora máis querido. En Louisville déronlle o seu nome a unha vía pública. Os presidentes invitárono á Casa Branca e, como xa se dixo, hoxe reaparece para acender o lume olímpico ou ser cómplice da guerra. Jim Brown, un deportista que non deixou de se organizar, dixo: “O Ali que os Estados Unidos acabaron querendo non é o Ali que eu quixen tanto. O Ali que eu quixen foise"52. Mais se o presente de Ali foi absorbido pola corrente maioritaria, o seu pasado está escrito e é noso. Cando os activistas de hoxe en día teiman en conectar a guerra na casa coa guerra no exterior, temos ao Ali dos 60 como parte da nosa tradición. Como Tommie Smith dixo recentemente, “non é algo que poida deixar no andel e esquecer. O meu corazón e a miña alma están aínda naquel equipo e aínda creo en todo polo que loitabamos e que non se resolveu, e ha ser parte do noso futuro”53. Smith está no certo: A resistencia conmovedora de Ali ao racismo e á guerra non pertence apenas aos 60, mais é parte do futuro común da humanidade.

Texto orixinal publicado en International Socialist Review, nº33, Xaneiro-Febreiro de 2004, disponíbel en http://www.isreview.org/issues/33/muhammadali.shtml. Traducido desde o inglés por Iván Cuevas para o Cineclube de Compostela.

Hauser, p. 77. "Outside the lines, personal protest," ESPN, March 2, 2003. Transcrición do programa disponíbel en sports.espn.go.com/page2/tvlistings/show153transcript.html. 52 53

13